5 de fev. de 2009

O tango de Touriño e Feijoo

O tango báilase entre dous, din en Bos Aires. Se cadra por iso Touriño e Feijoo coincidiron o sábado na capital do Río da Prata, ese ensanche de Galicia que dicía Julio Camba. En realidade, a simultánea presenza en Bos Aires dos dous candidatos á presidencia da Xunta dos dous grandes partidos estatais débese sobre todo ao verán austral, que converte xaneiro no equivalente ao agosto europeo, e pola obsesión dos últimos anos da clase política pola emigración, derivada en parte do crecente peso numérico do voto de alén do mar.

Touriño actuou o sábado na Rural de Palermo, o mesmo escenario escollido por Fraga no 2005, e Feijoo, que chegou o sábado á capital arxentina, fai o propio o domingo, no local de Costa Salguero. Ámbolos dous estiveron antes en Montevideo. Porque para os políticos galegos a capital uruguaia é efectivamente o último barrio de Bos Aires. Unha rápida viaxe en avión sobre ese mar ocre do Río da Prata permítelles estar nos países que concentran o 45% do censo exterior. Ademais como de alí chega unha proporción de votos galegos maior que de calquera outro dos principais países de destino da nosa emigración, Uruguai e Arxentina achegaron no 2005 o 58% dos sufraxios da diáspora galega.

A enorme bolsa de fraude que existe nas eleccións galegas no Río da Prata traduciuse nun brutal aumento do número de votos nos últimos anos, como se pode observar no gráfico. O número de votos emitidos en Arxentina e Uruguai multiplicouse por dous do 1997 ao 2005, ata chegar aos 60.000. No 2005 a emigración galega enviou 49.183 votos máis que en 1997. E desa medra, 30.000 sufraxios son de Arxentina e Uruguai, onde se deron taxas de participación próximas ao 50% do censo, unha porcentaxe xigantesca para o exterior, sobre todo tendo en conta a particularidade española de incluír no censo electoral a tódolos inscritos no consulado, vivos ou mortos.

Apareceron de súpeto desde 1997 trinta mil galegos en Arxentina e Uruguai interesados pola política galega? Pois seguro que non. Pode haber unha parte do incremento da participación que se deba ao achegamento con Galicia que provocou a crise económica arxentina de principios do século XXI. Pero o resto é obra das maquinarias de PSOE e PP.

Agora, froito da esixencia do pasaporte, o volume de votos vaise reducir, aínda que seguramente aumenten as manobras dos partidos. Xa houbo un feito histórico, o tango deste fin de semana de Touriño e Feijoo. Segundo as primeiras informacións das axencias, pouco deu de si. Como é natural. Touriño promete levar a TVG a tres millóns de fogares arxentinos. Unha mostra máis de que non ten ningún interese por reformar a canle pública, senón que quere ter unha arma de propaganda aínda máis potente e transatlántica. Feijoo, como Touriño, fala de dar a tarxeta sanitaria a todos os emigrantes. Sen embargo, o popular fixa prazos. A tarxeta valería só para Galicia, para cando volvan ou veñan. É unha desas promesas que crean confusión e que parece moito máis do qué.

Vai ser certo que tiña razón o altivo Méndez Romeu coas súas críticas ao “discurso excesivo” en Galicia verbo da emigración. Porque o dereito a prestación sanitaria no país de acollida só a deben ter os verdadeiros emigrantes, os galegos de primeira xeración que non teñan recursos. O contrario, ademais de inviable economicamente, sería un engano masivo.

Feijoo e Touriño, como tamén faría Quintana se viaxase a Arxentina, amosaron as súas limitacións. Normal. A viaxe transatlántica pode sentar ben, pero non transforma tanto. Unha emigración de fin de semana non fabrica líderes. Se os tres probaran a ficar alí unha temporada...

4 de fev. de 2009

Portugal, o mundo ao revés


O PSD, o centro-dereita portugués, o aliado luso do PP, non quere as urnas na emigración, nas eleccións lexislativas e europeas, que pretende implantar o Partido Socialista portugués, o socio do PSOE. O enfrontamento acaba de chegar ao seu máximo grado, co veto asinado este martes polo presidente da República, Aníbal Cavaco Silva, ante a reforma da lei electoral aprobada o ano pasado a iniciativa do goberno do socialista José Sócrates e co apoio dos partidos da esquerda.

Na súa argumentación, Cavaco apela ao dereito a participación dos emigrantes, que é moito maior por correo que en urna. En Portugal hai probas empíricas deso. Nas eleccións para a Assembleia da República do 2005 votaron 36.710 emigrantes, case o dobre que nas presidencias do 2006, nas que se emitiron 18.840 sufraxios. Nas lexislativas vótase por correo desde 1975. E nas presidenciais, en urna, desde o 2001, tras case un cuarto de século de discusión sobre a reforma constitucional. No voto por correo téñense detectado irregularidades, como o voto por varias persoas e incluso a aparición de mortos nos censos.

O Partido Socialista, en tradicional minoría no exterior, pon esas irregularidades sobre a mesa para defender a eliminación do voto por correo nas lexislativas. O PSD, que defende o seu histórico dominio na emigración, fala do peso da tradición e da necesidade de manter niveis de participación máis altos. Aínda que o PS gañou no exterior no 99, con Guterres no poder, en xeral a dereita fíxose coa maioría dos escanos da emigración, grazas a súa maioría fóra de Europa, un reduto dos socialistas.

Portugal foi en 1975, segundo os manuais internacionais de voto no exterior, o primeiro país en establecer uns escanos elixidos directamente polos emigrantes. Xa os había no Senado francés, pero mediante unha designación indirecta, a través dun consello consultivo. A da circunscrición propia é a gran diferenza de Portugal con España. Pero hai outras. Os emigrantes non poden votar nas municipais nin, na práctica, nos referendos. Téñense que apuntar no censo electoral, pois non hai inscrición de oficio como en España. Así o volume do voto é moito menor, do 0,6% do total nas lexislativas e do 0,3% nas presidenciais, fronte ao 1,5% das xerais españolas e o 6,3% das últimas autonómicas galegas.

Agora Portugal é o mundo ao revés respecto a España. A dereita portuguesa rexeita as urnas que os seus aliados españois do PP reclaman. E os socialistas lusos impoñen as urnas que non queren os seus socios españois. O Bloque coincide coa esquerda portuguesa, que tamén é moi feble no exterior.

No voto emigrante non hai nin ideoloxías nin amigos. Só cálculos aritméticos.

3 de fev. de 2009

Votar por 115 ou 219 emigrantes canarios


A sede do PP en Bos Aires está dotada desde hai unhas semanas cunha fotocopiadora. Esta novidade sería anterior, segundo os populares, á decisión da Junta Electoral Central de esixir a fotocopia do pasaporte ou equivalente. En todo caso, vanlle sacar partido nas próximas semanas, como fixo hai case seis anos Pedro Manuel Padrón Brito en Venezuela. Este señor de El Hierro manipulou 115 votos nas eleccións municipais de 2003, segundo un informe policial do que informa o xornal La Provincia de Las Palmas.

A xustiza aínda está coas eleccións municipais do Prestige! Menos mal que atopou algo. Sen tempo non foi. A nova confirma que as eleccións locais, a pesar de ter a menor participación, constitúen o gran foco de irregularidades na emigración. A máis trabas, menos votos, pero máis esforzo das maquinarias dos partidos (como a poderosa Coalición Canaria en Venezuela) e maior proporción da fraude. É un anticipo do que pode pasar coas novas normas nas eleccións galegas. Hai atrancos, así que os partidos implantados no exterior se cren na obriga de “axudar” a superalos.

En Canarias, sobre todo nas illas da provincia de Santa Cruz de Tenerife, sucedéronse os escándalos ao longo desta década. Santa Cruz ten un 7,8% do censo no estranxeiro, polo que, deixando Galicia á marxe, é a primeira provincia de España en peso da emigración. E nas súas illas menores, que son circunscricións independentes para o parlamento autonómico e o Senado, a incidencia do exterior é brutal. Tras sufrir os efectos do voto emigrante nos anos 90, nos que chegou a perder representación por mor do voto exterior, Coalición Canaria reforzouse de tal xeito en Venezuela que xa é a terceira forza española na emigración, con máis votos que Izquierda Unida. En 2003, Coalición Canaria quitoulle ao PSOE un escano autonómico por El Hierro, co que tamén lle apañou un senador de representación autonómica.

O máis curioso é ver como o socialista López Aguilar berra contra a fraude do voto emigrante, ese mesmo sufraxio que segundo Mar Barcón é limpo. Que idea da limpeza!

O que segue é unha pasaxe do libro O voto emigrante sobre irregularidades en Canarias no 2007:

La Gomera: Os 219 votos de Milagros Martín

En maio do 2003, nos días previos ás eleccións autonómicas nas comunidades do réxime común, como Canarias, unha muller, Milagros Martín, presentouse na oficina de correos de San Antonio de Los Altos, no estado venezolano de Miranda, coa autorización para levarse catro votos canarios. Saíu con 219, segundo un informe xurídico elaborado despois por Ipostel, a empresa de correos de Venezuela. Ipostel aseguraba que a muller se aproveitara a “boa fe” dos seus traballadores, ao facerse pasar por unha conselleira da embaixada, segundo publicou Diario de Avisos.

Milagros Martín estaba vencellada á Fundación Garajonay de Venezuela, auspiciada por Coalición Canaria, segundo denunciaron os socialistas de La Gomera, os directamente afectados por esta operación de tráfico de sufraxios. Os destinatarios nunca recibiron os votos, a pesar de que Martín se comprometera en correos a entregarllelos. E logo figuraban como votantes, de acordo coa información que dera o PSOE. Así que os seus sufraxios chegaron a Canarias pero eles nin os tocaron.

Os medios canarios informaron de que, segundo o ditame de Ipostel, polo menos 700 votos foron obxecto de apropiacións indebidas. O informe coñeceuse cando a Xustiza electoral desbotara as reclamacións do PSOE, que sobre todo trataba de anular o escrutinio de El Hierro, onde perdera un deputado en beneficio de Coalición Canaria. Este caso demostra as posibilidades de manipulación electoral nun dos países claves para as eleccións en Galicia, Venezuela.

Fronte ás acusacións dos socialistas, Coalición Canaria laiase sempre do mal funcionamento do sistema de correos e da falta de tempo para que os sufraxios cheguen dentro do prazo. En concreto, CC ten protestado nos debates no Congreso dos Deputados porque o atraso na chegada dun avión procedente de Caracas deixou moitos emigrantes sen votar. É un discurso centrado na cantidade, moi similar ao que facía o PP en Galicia cando estaba no Goberno.

2 de fev. de 2009

E se o PP necesitase os votos da emigración?


Hai un punto de azar no impacto do voto emigrante que fai tolear aos políticos, sobre todo nesta xeira de permanentes nervos da precampaña. É o que pode provocar situacións nunca previstas, como que os sufraxios do exterior decidan un parlamentario autonómico en Castelló (1% de censo no estraxeiro) ou un deputado en Cortes por Barcelona (2%), mentres non pasa nada en Ourense (21%). Ese elemento sorprendente tamén dá para imaxinar escenarios que poderían resultar simpáticos se non desen noxo.


Durante a meirande parte da última lexislatura autonómica, mentres o BNG durmía e o PSOE gañaba tempo, o PP agardou a ver que pasaba nas xerais. Se Rajoy era presidente do Goberno, os populares terían na emigración unha poderosa ferramenta para o seu asalto á Xunta. Zapatero mantivo o seu domicilio na Moncloa e Feijoo botou contas que lle amosaron o perigo que corría cun PSOE co 60% dos votos ou máis no exterior. Así que o PP lanzou a súa campaña en prol da regulación do voto exterior, ofensiva na que traballou especialmente o Bloque que espertara, logo de ver ameazado o seu escano no Congreso por Pontevedra.

A proposta do voto en urna fracasou, porque o PSOE seguía a gañar tempo. Pero o PP acadou unha vitoria imprevista ao aceptar a Junta Electoral Central a súa proposta de axuntar ao voto a fotocopia do pasaporte, DNI ou certificado consular. Así os populares lograron o que querían, reducir a magnitude da previsible vitoria do PSOE no exterior.

E se chega o momento no que o PP se arrepinta da súa súpeta conversión á transparencia no voto exterior? É difícil, pero pode pasar. Hai un escenario bastante improbable, pero non do todo imposible. Consistiría en que, por efecto da crise económica e a desmobilización da esquerda, os populares suban un deputado na Coruña e outro en Pontevedra, mentres perden un en Lugo e outro en Ourense, froito do desmantelamento das súas vellas redes de poder, co que terían de novo 37. Se o de Ourense, por exemplo, lévao o BNG por unha escasa diferenza, co PP moi cerca e o PSOE moi lonxe de rascar algo no exterior nesa provincia e nas outras tres, estariamos ante a representación do máis espectacular acto da farsa democrática do voto emigrante.

O PP tería 37 deputados, a un da maioría absoluta. Calcúlase en principio (aínda que esas estimacións terían que ser revisadas coas novas normas) que o PSOE obterá o 60% dos votos na emigración, o PP sobre un terzo e o BNG o seu clásico 3%. Así que os populares superarán en dez veces ao Bloque e estarían en condicións de quitarlle ese escano de Ourense cos sufraxios do estranxeiro. Pero entón Feijoo botaría de novo contas e, se cadra, descubriría un problema. Por mor da esixencia da fotocopia dun documento, que pediu o PP, a participación vai caer e ao mellor non lle chegarían os votos para acadar o desexado escano 38, o da maioría absoluta.

Os populares argumentarían que os seus votos no exterior son puros do todo, porque non teñen as plataformas dos gobernos centrais e autonómicos. Así que se lle fixesen falta, é moi probable que o PP reclamase na Xunta Electoral Provincial de Ourense que se contasen tódolos votos, incluídos os que viñeran sen o documento. E o PSOE, que se xogaría a Xunta no escano do BNG, diría todo o contrario e pediría que non valesen os votos “sen garantías”. Se a alguén lle sorprendese este hipotético intercambio de papeis debería botarlle unha ollada á hemeroteca do 2001 ou do 2004.

Sería moi divertido, se non dese noxo.

27 de jan. de 2009

O suicidio do cidadán


“La emigración resulta así para nosotros un suicidio del ciudadano; puesto que desaparecemos como tales, desde el momento en el que el emigrado no tiene derechos ni en la patria de origen o de ausencia ni en la de adopción o de presencia”. Este parágrafo é a base do folleto Vida política. La colectividad española en la Argentina, editado en Bos Aires en 1913 para divulgar a proposta do xornalista Justo López de Gomara ante o primeiro Congreso de la Confederación Española de Argentina, no que se reclamaron dereitos políticos para os emigrantes no país de orixe, a través da elección dos seus propios representantes do Senado de Madrid. Esa demanda foi despois asumida polas Irmandades da Fala na súa asemblea de Santiago de 1919.

Gomara, director de El Diario Español de Bos Aires, desenvolveu unha intensa campaña durante o primeiro cuarto do século XX para que a voz dos emigrantes se escoitara en España. Que diría hoxe López de Gomara ao ver a perversión da democracia que se practica na emigración? Pois que, polo menos no que respecta a sociedade orixe (España e Galicia), a teoría do suicidio segue vixente, aínda que cun anovado contido. Agora os emigrantes si figuran nos censos, pero son simples números.

Desde a transición os poderes españois e galegos, nas súas sucesivas versión partidarias, nunca consideraron aos emigrantes cidadáns de seu, senón membros dunha sorte de reserva electoral, cuxos dereitos políticos amplíanse, violéntanse ou se intenta reducir ao son da maioría gobernante e dos cambiantes intereses dos partidos. Desde o goberno central UCD, PP e PSOE foron alimentando o monstro, ata crear o sistema de voto exterior más xeneroso do que se teña noticia no mundo.

Agora, por fin a Junta Electoral Central lembrouse a última hora de que hai que garantir a personalidade do elector, froito da queixa dun PP escandalizado porque un partido poda darlle a volta no exterior ao resultado de Galicia, precisamente o que Fraga intentou e non deu feito no 2005. E o PSOE revólvese defendendo que todo siga igual. José Blanco loita por manter un sistema que segundo el declarou moitas veces, por exemplo o 16-VIII-2008, está suxeito a sospeita da “fraude”.

O Blanco que agora está disposto a ir ao Supremo para que todo siga igual é o mesmo que no 2001 dixo viaxar a Venezuela para vixiar o censo e que informou de que nas autonómicas daquel ano polo menos quince persoas votaron por mortos.A única dúbida é se don Justo mantería hoxe o do suicidio ou se falaría máis ben de algo máis masivo e programado…

22 de jan. de 2009

Cámara dixital para os recadadores

A Junta Electoral Central (JEC) falou e practicamente lexislou ao esixir a presentación do DNI, o pasaporte ou unha certificación consular para poder votar desde a emigración nas eleccións galegas e vascas. A medida introduce máis garantías a fin de frear o descontrol absoluto das votacións no exterior. Por tanto, é positiva, aínda que non resolva o cerne do problema e responda máis a unha manobra política do PP, que semella ter a maioría na JEC, que a un verdadeiro interese por regularizar o proceso electoral na emigración. A xustiza en España non é xusta, senón pura brincadeira partidista.

A aplicación estrita da instrución da JEC suporá unha forte redución do número de votos que chegarán ás xuntas electorais de Galicia. O descenso pódese estimar entre un 30% e un 50%, porcentaxe esta última en principio moi elevada, pero que está dentro do rango que calcula o PP, forza política con grande experiencia neste eido, ademais de autora da proposta para esixir a fotocopia do documento.

Ata o de agora había dúas formas distintas de votar, a das europeas, xerais e autonómicas, nas que os electores recibían a documentación na casa e só había que enviala, e a das municipais, nas que hai que solicitar previamente o sufraxio coa fotocopia do documento para logo recibir as papeletas na casa e mandalas de volta. Co primeiro procedemento, a participación dos últimos anos oscilou entre os máis de 100.000 votos das xerais e autonómicas e os 65.000 das europeas, as eleccións con menos fraude pola baixa intervención das maquinarias partidarias. Co segundo, o das municipais, houbo menos de 20.000 votos.

Se a decisión da JEC supón eliminar a fraude, habería aproximadamente un terzo de votos menos. Se complica o voto en gran medida, como sucede coas municipais, teriamos un 50% menos. Son aproximacións, xa que está por ver o xeito de aplicar as novas normas e que resposta dan os partidos.

Ao esixir os documentos, xa non se vai poder interceptar o voto antes de que chegue ao elector e votar por el, a non ser que se consiga previamente a fotocopia. Ademais, o traballo dos recadadores de votos complícase moito, pois cando fosen polas casas terían que levar polo menos unha cámara dixital para fotografar o pasaporte ou similar.

O PSOE, pasividade ou activismo ante a fraude?

A Junta Electoral Central colocou ao PSOE ante un envelenado dilema: se recorre é moi posible que consiga a anulación da instrución para axuntar a fotocopia do documento, pero se o fai quedaría moi mal en Galicia. Ata o de agora o PSOE pecou de pasividade ante a fraude no exterior. Non aplicou as súas promesas de regularizar as votacións coa implantación das urnas.

Pero se recorre, por máis que o xustifique pola defensa do dereito á participación dos emigrantes, sería un activista do actual sistema, que, segundo teñen denunciado os socialistas desde a oposición, posibilita dar un pucherazo e manipular a vontade democrática dos cidadáns do exterior.

Se o PSOE recorre, seguramente gañe, pero se arrisca a perder máis votos en Galicia, deses votantes desencantados coa xestión continuista de Touriño, que dubidan se é mellor ficar na casa o 1 de marzo que votar de novo aos socialistas. Así que politicamente ao PSOE non lle convén recorrer. O mellor que lles pode pasar aos socialistas é que o recurso o presente o PNV. Pero non parece que ao PNV lle conveña facelo, senón é a cambio de algo.

Semella que o PSOE busca algunha vía alternativa.