2 de dez. de 2008

O CASO ESPAÑOL: VOTO EXTERIOR PARA TODO E PARA TODOS

(Achego a versión en galego do capítulo sobre o caso español do Primeiro Manual de Voto no Exterior que veñen de publicar en México a fundación sueca de sistemas electorais IDEA e o Instituto Federal Electoral)

ANXO LUGILDE
Nos autobuses urbanos de Bos Aires podíanse ver nos primeiros meses de 2008 carteis electorais do candidato socialista á reelección á fronte do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero. Na súa carreira cara ao madrileño palacio da Moncloa, Zapatero e o seu rival conservador, Mariano Rajoy, cumpriron co xa ineludible rito de participar en senllos mitins en Arxentina e Uruguai. Son os sinais máis visibles do voto exterior español, instaurado en 1977 pero que non adquiriu relevancia política ata a primeira década do século XXI, xusto cando España se convertera xa nun país de inmigración, cun 10% de poboación estranxeira. Trátase dun sufraxio polémico, pola súa falta de garantías e controis, e que ten un impacto moi concentrado territorialmente, sobre todo en Galicia.

ANTECEDENTES: UNHA DEMANDA XURDIDA EN ARXENTINA
A emigración supón o “suicidio do cidadán”, posto que este perde os seus dereitos políticos na sociedade de orixe sen que os adquira na de acollida. Baixo esta tese Justo López de Gomara, director do xornal El Diario Español de Bos Aires, desenvolveu no primeiro terzo do século XX unha intensa campaña a fin de que España establecese canles de participación política para os expatriados. Esta demanda xurdiu no peculiar contexto da integración dos estranxeiros en Arxentina, o principal destino da emigración española. En 1914 só o 1,4% da poboación foránea adoptara a nacionalidade arxentina, a pesar das facilidades formais do trámite.

Naquel momento a lexislación española esixía ter dous anos de residencia nun municipio de España para poder votar. Non obstante, non había ningún requisito de vinculación territorial para poder ser deputado, de modo que os emigrantes non tiñan dereito ao sufraxio activo, pero si ao sufraxio pasivo. En 1905 dous destacados líderes da comunidade española de Bos Aires, o republicano Rafael Calzada e o monárquico Anselmo Villar, que acabarían sendo deputados uns anos despois, lanzaron as súas candidaturas ao Congreso, o que deu pé a unha pioneira discusión na prensa de Madrid. “Eses españois, non cumprindo aquí os seus deberes coa Patria, non poden pretender exercer aquí certos dereitos”, sostiña o diario La Época. Esta opinión era compartida por unha parte da elite española de Bos Aires, que esgrimía como argumento a oposición do Goberno arxentino a que no seu solo se celebrasen eleccións estranxeiras.

Foi o xeneral Miguel Primo de Rivera durante a súa ditadura (1923-1930) quen puxo en marcha a experiencia pioneira de intervención política dos emigrantes españois, ao permitirlles participar no chamado “plebiscito nacional” de setembro de 1926, unha recollida de sinaturas en apoio ao réxime autoritario. As mesas cos pregos de sinaturas instaláronse nos consulados e embaixadas de todo o mundo. Foi un anticipo do que fixo Adolf Hitler en 1938, con motivo do “plebiscito” de anexión de Austria. Coa chegada da II República española, en 1931, a cuestión do voto exterior quedou relegada polo peso da axenda política interna, aínda que no Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en referendo en 1936, se establecía que unha lei regularía a representación dos emigrantes. A Guerra Civil (1936-1939) impediu que se aplicase.

Trala morte do xeneral Franco en novembro de 1975, o Goberno de transición presidido polo representante dos sectores reformistas da ditadura, Adolfo Suárez, autorizou a participación dos emigrantes no referendo da lei para a reforma política de 1976. Tratábase dun xesto de compensación pola expulsión masiva de poboación durante o franquismo por motivos políticos e económicos e constituía, ao mesmo tempo, unha resposta ás demandas dos españois do resto de Europa. O Executivo calculaba que os expatriados, entre os que aínda había un influínte grupo de exiliados, apoiarían o seu proxecto democratizador. Ante as eleccións lexislativas de 1977, o Goberno eliminou a esixencia de residir en España para votar, pero estableceu uns requisitos que propiciaron que a participación fose moi baixa, duns 15.000 votantes sobre un corpo electoral potencial que se estimaba en máis de un millón de persoas. As trabas gobernamentais interpretáronse como unha manobra para impedir un voto en principio inclinado cara á esquerda. Despois, o dereito ao sufraxio dos emigrantes para o Congreso dos Deputados foi incluído na Constitución de 1978 (Artigo 68.5). Sucesivas reformas posteriores perseguiron aumentar a participación, ata a definitiva de 1995, que supuxo a inscrición de oficio no censo electoral de todos os españois empadroados nos consulados. Ata daquela os interesados en votar debían solicitar expresamente a súa inclusión.

O SISTEMA ELECTORAL DO EXTERIOR: MÁXIMA XENEROSIDADE

Igual que dentro de España

“Os españois que residen no exterior teñen dereito a ser electores e elixibles, en todos e cada un dos comicios, nas mesmas condicións que a cidadanía residente no Estado español” (Lei do Estatuto da Cidadanía Española no Exterior, Artigo 4.1). Os emigrantes poden participar na totalidade das convocatorias: lexislativas, autonómicas, municipais, referendos e eleccións ao Parlamento Europeo. Inscríbeselles nun municipio español, no último no que residiron eles ou os seus antepasados ou naquel co que se senten máis ligados, o que na práctica dá liberdade ao elector para apuntarse onde desexe, como se comprobou nun escándalo rexistrado a finais dos 90 na illa de Formentera.

A inscrición de oficio provocou que nos últimos anos do século XX o censo case se duplicase. No aumento posterior influíron a modificación da lexislación de nacionalidade, para eliminar a discriminación dos fillos de nai española, e as crises dos antigos países de acollida de Latinoamérica, que causaron carreiras cara aos consulados en busca do pasaporte da Unión Europea que concede España. A anunciada nova modificación do Código Civil, para permitir o acceso á nacionalidade dos netos de emigrantes que non a adquiriron antes da maioría de idade, podería provocar unha nova escalada, ao igual que unha hipotética democratización de Cuba que liberalice a posesión dun dobre pasaporte. De tódolos xeitos, as estimacións do Goberno español de que xa se acadarían os dous millóns de electores en 2005 non se cumpriron. Nas lexislativas de 2008 tiñan dereito ao voto 1.205.132 españois do estranxeiro, un 3,4% do censo total. Máis da metade, o 58%, vive en América, fronte ao 39% de Europa. O país con máis votantes é Arxentina (261.465), seguido por Francia (160.947) e Venezuela (123.149).

Por correo e sen garantías adicionais

Como moi tarde, vinte días antes da xornada de votación, a Oficina do Censo Electoral envía por correo certificado a todos os españois do exterior maiores de idade a documentación electoral, sempre que non haxa impugnacións das candidaturas, o que provocaría un atraso de como máximo oito días máis (Artigo 75, Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral). Os sufraxios deben mandarse de volta a España a máis tardar a véspera da xornada electoral, por correo certificado, o que debería incluír a comprobación da identidade do votante. Non obstante, como demostraron en repetidas ocasións os medios de comunicación, as empresas postais estranxeiras só se preocupan de comprobar que o franqueo estea pagado, cuxo custo, segundo datos de 1998, superaba nun 157% ao do voto postal dentro de España. Ao mesmo tempo, as dificultades para actualizar os censos provocan que neles figuren persoas falecidas en cuxo nome é posible votar. O único mecanismo de reforzo funciona para as eleccións municipais, nas que os electores teñen que solicitar que se lles remita a documentación. Este requisito, derivado da existencia de máis de 8.000 concellos, provoca unha substancial redución da participación, pero non da fraude.

Desde 1995, os electores que o desexen poden depositar o seu voto en consulados e embaixadas en todas as convocatorias, agás nas municipais. O prazo é máis estreito que para o envío polo correo normal, xa que expira unha semana antes da xornada electoral. O uso deste procedemento é moi escaso e evolucionou á baixa, pois foi utilizado en 1996 polo 13% dos votantes e polo 6% en 2004 e 2008. No que si se observa un crecemento sostido é no volume de sufraxios procedentes da emigración. Froito do enorme aumento do censo a taxa de participación decreceu, pois era do 36% en 1993 e baixou ao 27% en 2004, aínda que en 2008 se recuperou, cun 32%. En cambio, nas municipais de 2007 só votou o 6% do censo, debido á diferente mecánica que rexe neste tipo de eleccións.

O escrutinio: unha segunda volta de feito

Coa excepción das municipais, nas que os sufraxios van directamente ás mesas electorais, nas outras convocatorias chegan ás xuntas electorais provinciais. Nas lexislativas o escrutinio da emigración efectúase tres días despois da xornada electoral, pero nas autonómicas galegas e canarias demórase ata oito días. Este atraso provoca que, unha vez que os datos do territorio español xa se coñecen e os escanos xa foron asignados, o voto dos emigrantes funcione como unha virtual segunda volta, na que, se as diferenzas son estreitas, os partidos compiten por modificar os resultados. Dáse o paradoxo de que os emigrantes votan antes que os residentes en España pero o sentido do seu voto coñécese despois, o que lles confire un elevado e á vez artificial poder de decisión.

Unha parte dos sobres de votación son rexeitados por irregularidades, o que constitúe os chamados “non votos”, porque non son nin nulos. En 2008 representaron o 12% do total recibido nas xuntas electorais. En canto aos resultados, nas lexislativas españolas opera o principio de que quen convoca gaña, porque desde 1986, desde que se dispón de resultados separados da emigración, sempre venceu o partido gobernante, é dicir o PSOE entre 1986 e 1996 e o PP en 2000 e 2004. E de novo o PSOE en 2008. En cambio, nas eleccións rexionais ou autonómicas pódense dar situacións de alta competitividade se dúas forzas distintas teñen o poder no Goberno central e na comunidade en cuestión.

A EXCEPCIONALIDADE GALEGA
En España o voto do exterior supón como moito o 1,5% do total, pero na comunidade autónoma de Galicia xa sobrepasou, nas eleccións autonómicas de 2005, o 6%. Galicia, que só conta co 6% da poboación española, ten o 27% dos emigrantes no estranxeiro. O 12,4% do censo de Galicia encóntrase fóra de España, porcentaxe que nunha das súas catro provincias, Ourense, se eleva ata o 20%. Asturias, cun 6,9% de censo no exterior, e as illas Canarias, cun 4,7%, son as outras comunidades nas que este sufraxio ten unha especial incidencia, así como nas provincias occidentais de Castela e León.

Nesa función do voto exterior de confirmar ou variar os resultados do escrutinio en España, en 2008 produciuse o cambio de mans dun asento no Congreso dos Deputados, ao facerse o PP cun escano por Barcelona que na noite electoral correspondera aos nacionalistas de Convergençia i Unió (CiU). E Coalición Canaria (CC) arrebatoulle un senador ao PSOE pola illa do Hierro. Estas alteracións froito do voto emigrante producíronse polo menos en seis ocasións nos parlamentos autonómicos, dúas veces en Canarias e unha en Castela e León, Comunidade Valenciana, Murcia e Galicia. Pero esta última é a única na que as condicións de gobernabilidade dependeron do voto exterior, o que provocou longas esperas dunha semana para saber o desenlace final das eleccións galegas de 1985 e, especialmente, de 2005, cando estivo en risco a vitoria da coalición de socialistas e nacionalistas. Este peso do sufraxio exterior provocou constantes viaxes de políticos a América, especialmente do ámbito local, e a creación de estruturas clientelares de recadación de votos, así como a sucesión de escándalos xornalísticos.

TENDENCIAS FUTURAS
As promesas de implantar o voto en urna, efectuadas polo Goberno español desde mediados da década dos 80, non se concretaron, malia estar incluídas no Estatuto da Cidadanía Española no Exterior (Artigo 4.5). PSOE e PP intercambian os discursos segundo gobernen ou non. Na oposición reclaman a máxima transparencia na emisión do voto que só se pode obter coa urna, mentres que no poder sosteñen que se trata dunha utopía, porque España ten 52 circunscricións electorais e unha diáspora moi dispersa. Este debate circular ten gran relevancia en épocas electorais en Galicia, onde os nacionalistas, moi débiles na emigración, apostan por restrinxir ou eliminar este sufraxio, co que conectan cun potente clima de opinión social. Existe un crecente consenso político e social para suprimir o voto dos emigrantes nas municipais e permitir o dos inmigrantes. Na sesión de investidura de 2008 o presidente do Goberno, Rodríguez Zapatero, recoñeceu a existencia de “serias deficiencias” no voto exterior e volveuse comprometer unha reforma que, segundo o programa electoral socialista, debería comportar a creación da circunscrición exterior, o que require dunha modificación da Constitución.

1 de dez. de 2008

O voto ao poder, un costume español

Alberto Núñez Feijoo sostén que as vindeiras eleccións autonómicas se decidirán na emigración. Xa lle gustaría que esa fose hoxe a súa situación real en Galicia. Malia si é certo que mentres na Terra pode haber máis ou menos incerteza sobre o resultado final das eleccións do 2009, no exterior apenas hai dúbidas de que se repetirá o sucedido nas lexislativas españolas de marzo, cando o PSOE se achegou ao 60% dos votos, mentres o PP só conseguía un terzo das papeletas e o BNG non acadaba nin sequera o seu clásico 3%. “O que convoca gaña”. O vello principio da España de Cánovas e Sagasta segue vivo no exterior. Desde 1986, desde que hai resultados por separado, nas xerais impúxose no estranxeiro o partido que estaba no poder, é dicir o PSOE, agás en 2000 e 2004 que venceu o PP. E nas autonómicas galegas, a experiencia amosa que se un partido manda simultaneamente en Madrid e Santiago, sobordará o limiar do 60% do voto.

“A emigración vota ao poder”, dirase e nos quedaremos todos tan panchos. Como se alguén puidese asegurar que a vontade reflectida nas urnas é a expresada polos emigrantes. Cuestionamos o procedemento, denunciamos os escándalos, pero cremos o resultado… Proclamamos que os emigrantes españois, maioritariamente galegos, son cordeiros, cans de Pavlov que respostan automaticamente ao estímulo condicionado do madrileño pazo de Santa Cruz, sede do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Pois en ningún dos países do noso entorno máis próximo se verifica ese principio de que a emigración vota ao poder. En Francia hai un dominio histórico da dereita. Por exemplo, en 1988, o presidente François Mitterrand perdeu as eleccións no exterior desde o pazo do Elíseo. Valéry Giscard d'Estaing sacoulle vinte puntos, dez menos que en 1981, pero aínda así gañou. E Sarkozy impúxose no estranxeiro nas dúas voltas do 2007. Os socialistas melloraron moito no voto exterior nos últimos anos, coincidindo cunha forte medra do censo.

Pódese dicir que Francia, coa súa vella diáspora espallada, en parte filla do colonialismo, e os sistemas de voto en urna e por delegación non vale. Pois en Portugal tampouco se dá o principio do voto ao poder. Desde 1975, nas lexislativas en total a dereita conseguiu 32 escanos no estranxeiro, por só 13 da esquerda, segundo o innovador método de darlles deputados propios aos emigrantes, creado por Portugal hai 33 anos. A esquerda gaña normalmente en Europa e a dereita no resto do mundo, o que lle acaba dando unha vantaxe final no reparto de escanos. Os socialistas venceron algunha vez, como no 99 desde o goberno, e no 2005, desde a oposición, aínda que só en votos. Pódese ver algunha influencia do poder, pero este non garante o triunfo.

É posible alegar que Portugal tampouco vale, porque vota moi pouca xente desde o exterior, algúns países de destino non coinciden cos nosos, etcétera. Pois en Italia, que neste eido se parece aínda máis a nós, nas eleccións ao Senado, ás que realmente contan no exterior, Prodi gañou desde a oposición no 2006 e Berlusconi, tamén desde a oposición, no 2008. Se cadra é porque como levan pouco tempo aínda non perfeccionaron o sistema.

No voto emigrante non hai cordeiros nin cans de Pavlov, senón un sistema perverso que beneficia a forza no poder e fai que non haxa maneira de efectuar reformas para regularizar o procedemento de votación. O PP promete agora o que non fixo. O PSOE non fai o que prometeu. E o BNG non foi quen nestes anos de forzar aos socialistas.