1 de dez. de 2008

O voto ao poder, un costume español

Alberto Núñez Feijoo sostén que as vindeiras eleccións autonómicas se decidirán na emigración. Xa lle gustaría que esa fose hoxe a súa situación real en Galicia. Malia si é certo que mentres na Terra pode haber máis ou menos incerteza sobre o resultado final das eleccións do 2009, no exterior apenas hai dúbidas de que se repetirá o sucedido nas lexislativas españolas de marzo, cando o PSOE se achegou ao 60% dos votos, mentres o PP só conseguía un terzo das papeletas e o BNG non acadaba nin sequera o seu clásico 3%. “O que convoca gaña”. O vello principio da España de Cánovas e Sagasta segue vivo no exterior. Desde 1986, desde que hai resultados por separado, nas xerais impúxose no estranxeiro o partido que estaba no poder, é dicir o PSOE, agás en 2000 e 2004 que venceu o PP. E nas autonómicas galegas, a experiencia amosa que se un partido manda simultaneamente en Madrid e Santiago, sobordará o limiar do 60% do voto.

“A emigración vota ao poder”, dirase e nos quedaremos todos tan panchos. Como se alguén puidese asegurar que a vontade reflectida nas urnas é a expresada polos emigrantes. Cuestionamos o procedemento, denunciamos os escándalos, pero cremos o resultado… Proclamamos que os emigrantes españois, maioritariamente galegos, son cordeiros, cans de Pavlov que respostan automaticamente ao estímulo condicionado do madrileño pazo de Santa Cruz, sede do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Pois en ningún dos países do noso entorno máis próximo se verifica ese principio de que a emigración vota ao poder. En Francia hai un dominio histórico da dereita. Por exemplo, en 1988, o presidente François Mitterrand perdeu as eleccións no exterior desde o pazo do Elíseo. Valéry Giscard d'Estaing sacoulle vinte puntos, dez menos que en 1981, pero aínda así gañou. E Sarkozy impúxose no estranxeiro nas dúas voltas do 2007. Os socialistas melloraron moito no voto exterior nos últimos anos, coincidindo cunha forte medra do censo.

Pódese dicir que Francia, coa súa vella diáspora espallada, en parte filla do colonialismo, e os sistemas de voto en urna e por delegación non vale. Pois en Portugal tampouco se dá o principio do voto ao poder. Desde 1975, nas lexislativas en total a dereita conseguiu 32 escanos no estranxeiro, por só 13 da esquerda, segundo o innovador método de darlles deputados propios aos emigrantes, creado por Portugal hai 33 anos. A esquerda gaña normalmente en Europa e a dereita no resto do mundo, o que lle acaba dando unha vantaxe final no reparto de escanos. Os socialistas venceron algunha vez, como no 99 desde o goberno, e no 2005, desde a oposición, aínda que só en votos. Pódese ver algunha influencia do poder, pero este non garante o triunfo.

É posible alegar que Portugal tampouco vale, porque vota moi pouca xente desde o exterior, algúns países de destino non coinciden cos nosos, etcétera. Pois en Italia, que neste eido se parece aínda máis a nós, nas eleccións ao Senado, ás que realmente contan no exterior, Prodi gañou desde a oposición no 2006 e Berlusconi, tamén desde a oposición, no 2008. Se cadra é porque como levan pouco tempo aínda non perfeccionaron o sistema.

No voto emigrante non hai cordeiros nin cans de Pavlov, senón un sistema perverso que beneficia a forza no poder e fai que non haxa maneira de efectuar reformas para regularizar o procedemento de votación. O PP promete agora o que non fixo. O PSOE non fai o que prometeu. E o BNG non foi quen nestes anos de forzar aos socialistas.

Nenhum comentário: