5 de fev. de 2009

O tango de Touriño e Feijoo

O tango báilase entre dous, din en Bos Aires. Se cadra por iso Touriño e Feijoo coincidiron o sábado na capital do Río da Prata, ese ensanche de Galicia que dicía Julio Camba. En realidade, a simultánea presenza en Bos Aires dos dous candidatos á presidencia da Xunta dos dous grandes partidos estatais débese sobre todo ao verán austral, que converte xaneiro no equivalente ao agosto europeo, e pola obsesión dos últimos anos da clase política pola emigración, derivada en parte do crecente peso numérico do voto de alén do mar.

Touriño actuou o sábado na Rural de Palermo, o mesmo escenario escollido por Fraga no 2005, e Feijoo, que chegou o sábado á capital arxentina, fai o propio o domingo, no local de Costa Salguero. Ámbolos dous estiveron antes en Montevideo. Porque para os políticos galegos a capital uruguaia é efectivamente o último barrio de Bos Aires. Unha rápida viaxe en avión sobre ese mar ocre do Río da Prata permítelles estar nos países que concentran o 45% do censo exterior. Ademais como de alí chega unha proporción de votos galegos maior que de calquera outro dos principais países de destino da nosa emigración, Uruguai e Arxentina achegaron no 2005 o 58% dos sufraxios da diáspora galega.

A enorme bolsa de fraude que existe nas eleccións galegas no Río da Prata traduciuse nun brutal aumento do número de votos nos últimos anos, como se pode observar no gráfico. O número de votos emitidos en Arxentina e Uruguai multiplicouse por dous do 1997 ao 2005, ata chegar aos 60.000. No 2005 a emigración galega enviou 49.183 votos máis que en 1997. E desa medra, 30.000 sufraxios son de Arxentina e Uruguai, onde se deron taxas de participación próximas ao 50% do censo, unha porcentaxe xigantesca para o exterior, sobre todo tendo en conta a particularidade española de incluír no censo electoral a tódolos inscritos no consulado, vivos ou mortos.

Apareceron de súpeto desde 1997 trinta mil galegos en Arxentina e Uruguai interesados pola política galega? Pois seguro que non. Pode haber unha parte do incremento da participación que se deba ao achegamento con Galicia que provocou a crise económica arxentina de principios do século XXI. Pero o resto é obra das maquinarias de PSOE e PP.

Agora, froito da esixencia do pasaporte, o volume de votos vaise reducir, aínda que seguramente aumenten as manobras dos partidos. Xa houbo un feito histórico, o tango deste fin de semana de Touriño e Feijoo. Segundo as primeiras informacións das axencias, pouco deu de si. Como é natural. Touriño promete levar a TVG a tres millóns de fogares arxentinos. Unha mostra máis de que non ten ningún interese por reformar a canle pública, senón que quere ter unha arma de propaganda aínda máis potente e transatlántica. Feijoo, como Touriño, fala de dar a tarxeta sanitaria a todos os emigrantes. Sen embargo, o popular fixa prazos. A tarxeta valería só para Galicia, para cando volvan ou veñan. É unha desas promesas que crean confusión e que parece moito máis do qué.

Vai ser certo que tiña razón o altivo Méndez Romeu coas súas críticas ao “discurso excesivo” en Galicia verbo da emigración. Porque o dereito a prestación sanitaria no país de acollida só a deben ter os verdadeiros emigrantes, os galegos de primeira xeración que non teñan recursos. O contrario, ademais de inviable economicamente, sería un engano masivo.

Feijoo e Touriño, como tamén faría Quintana se viaxase a Arxentina, amosaron as súas limitacións. Normal. A viaxe transatlántica pode sentar ben, pero non transforma tanto. Unha emigración de fin de semana non fabrica líderes. Se os tres probaran a ficar alí unha temporada...

Nenhum comentário: