2 de fev. de 2009

E se o PP necesitase os votos da emigración?


Hai un punto de azar no impacto do voto emigrante que fai tolear aos políticos, sobre todo nesta xeira de permanentes nervos da precampaña. É o que pode provocar situacións nunca previstas, como que os sufraxios do exterior decidan un parlamentario autonómico en Castelló (1% de censo no estraxeiro) ou un deputado en Cortes por Barcelona (2%), mentres non pasa nada en Ourense (21%). Ese elemento sorprendente tamén dá para imaxinar escenarios que poderían resultar simpáticos se non desen noxo.


Durante a meirande parte da última lexislatura autonómica, mentres o BNG durmía e o PSOE gañaba tempo, o PP agardou a ver que pasaba nas xerais. Se Rajoy era presidente do Goberno, os populares terían na emigración unha poderosa ferramenta para o seu asalto á Xunta. Zapatero mantivo o seu domicilio na Moncloa e Feijoo botou contas que lle amosaron o perigo que corría cun PSOE co 60% dos votos ou máis no exterior. Así que o PP lanzou a súa campaña en prol da regulación do voto exterior, ofensiva na que traballou especialmente o Bloque que espertara, logo de ver ameazado o seu escano no Congreso por Pontevedra.

A proposta do voto en urna fracasou, porque o PSOE seguía a gañar tempo. Pero o PP acadou unha vitoria imprevista ao aceptar a Junta Electoral Central a súa proposta de axuntar ao voto a fotocopia do pasaporte, DNI ou certificado consular. Así os populares lograron o que querían, reducir a magnitude da previsible vitoria do PSOE no exterior.

E se chega o momento no que o PP se arrepinta da súa súpeta conversión á transparencia no voto exterior? É difícil, pero pode pasar. Hai un escenario bastante improbable, pero non do todo imposible. Consistiría en que, por efecto da crise económica e a desmobilización da esquerda, os populares suban un deputado na Coruña e outro en Pontevedra, mentres perden un en Lugo e outro en Ourense, froito do desmantelamento das súas vellas redes de poder, co que terían de novo 37. Se o de Ourense, por exemplo, lévao o BNG por unha escasa diferenza, co PP moi cerca e o PSOE moi lonxe de rascar algo no exterior nesa provincia e nas outras tres, estariamos ante a representación do máis espectacular acto da farsa democrática do voto emigrante.

O PP tería 37 deputados, a un da maioría absoluta. Calcúlase en principio (aínda que esas estimacións terían que ser revisadas coas novas normas) que o PSOE obterá o 60% dos votos na emigración, o PP sobre un terzo e o BNG o seu clásico 3%. Así que os populares superarán en dez veces ao Bloque e estarían en condicións de quitarlle ese escano de Ourense cos sufraxios do estranxeiro. Pero entón Feijoo botaría de novo contas e, se cadra, descubriría un problema. Por mor da esixencia da fotocopia dun documento, que pediu o PP, a participación vai caer e ao mellor non lle chegarían os votos para acadar o desexado escano 38, o da maioría absoluta.

Os populares argumentarían que os seus votos no exterior son puros do todo, porque non teñen as plataformas dos gobernos centrais e autonómicos. Así que se lle fixesen falta, é moi probable que o PP reclamase na Xunta Electoral Provincial de Ourense que se contasen tódolos votos, incluídos os que viñeran sen o documento. E o PSOE, que se xogaría a Xunta no escano do BNG, diría todo o contrario e pediría que non valesen os votos “sen garantías”. Se a alguén lle sorprendese este hipotético intercambio de papeis debería botarlle unha ollada á hemeroteca do 2001 ou do 2004.

Sería moi divertido, se non dese noxo.

Nenhum comentário: