13 de jan. de 2009

Un desexo: Que a emigración non defina



Os correspondentes estranxeiros na España da Restauración podían mandar aos seus xornais as crónicas electorais por anticipado, segundo conta José Varela Ortega en “Los amigos políticos: partidos, elecciones y caciquismo en La Restauración (1875-1900)”. Os xornalistas que quixeran adiantar traballo xogaban sobre seguro. Non había fallo no sistema deseñado por Cánovas. Quen convocaba, gañaba. Sempre.


O mesmo pódese facer cos resultados da emigración galega nas vindeiras eleccións. Non hai fallo. O partido que goberna ao mesmo tempo en Madrid e Santiago, como neste caso o PSOE, é invencible. A única discusión é por canto gañará. Pódese consultar o fundamentado prognóstico de Calidonia (grazas, Carlos):

PSOE 50,5%
PP 39,5%
BNG 3,5%

De xeito máis intuitivo, eu manteño a predición feita no Hai Debate! do 1-12-2008:
PSOE 60%
PP 33%
BNG 3%

É na liña do resultado da emigración galega nas últimas lexislativas españolas:
PSOE 58,55%
PP 33,91%
BNG 2,74%

É posible tamén predicir a participación. Se no reconto das lexislativas españolas do 2008 houbo 114.625 e 105.510 no das autonómicas do 2005, agora hai que esperar más de 120.000.

O que non é tan doado saber son os efectos que vai ter o voto emigrante no resultado final. As experiencias recentes, de Barcelona no 2008 e Castelló no 2007, confirman que o decisivo son as diferenzas na asignación de escanos da noite electoral. Importan moito máis que o peso da emigración na provincia en cuestión. De feito nesas dúas circunscricións a porcentaxe de electores no estranxeiro é inferior á media española, pero os votos do exterior fixeron cambiar de mans un escano en cada caso (de CiU a PP en Barcelona, para o Congreso, e de PP a PSOE en Castellón, para o Parlamento autonómico).

Dáse por feito, agás grandes cambios no escenario, que a emigración esta vez non terá ningún impacto sobre o veredicto electoral, sobre quen vai gobernar Galicia. Pero non se sabe se pode mover algún deputado.

A falta de prognóstico, cómpre formular un dobre desexo. Por unha banda, que a emigración non defina o resultado, que se diría en galaico-porteño. Porque nestas condicións sería unha catástrofe, para as relacións entre a Galicia de dentro e de fóra e para a lexitimidade do sistema político galego. E por outra banda, oxalá cambien de mans cantos máis escanos mellor, catro por exemplo, un por provincia.

Para que se vexa, senón estaba xa claro, que non podemos seguir como nos tempos de Cánovas e Sagasta, da España da Restauración. Por certo, a xeira de maior emigración galega ao estranxeiro, concretamente a América, desde onde agora chegan eses votos da máis vella escola.

3 comentários:

Anônimo disse...

Noraboa polo blog. Cómpre dalo a coñecer para que se espalle o coñecemento crítico entre a cidadanía sobre o voto emigrante!
Por certo, e falando de Hai Debate: Maxestuoso o Sr. Blanco onte, no seu papel de PacoVázquez2 (só dixo en galego Boas Noites, e iso que de pequeniño o sinalaban no colexio por falar galego, segundo conta no seu propio blog). E pretende con iso aspirar a unha presidencia da Junta del Curruncho NO de España?

cneirac disse...

As diferenzas de prognóstico que temos parecen fundamentarse nun efecto histórico na emigración polo cal, independentemente das forzas que gobernan en Madrid e Santiago, unha parte do CERA cambia de voto entre PP e PSOE dependendo do tipo de elección: nas mesmas condicións e coa única diferenza do tipo de elección, se son autonómicas o PP saca máis votos que o PSOE.

É un efecto secundario, non tan importante como o do voto ao poder, pero que explica que eu prognostique unha baixada en porcentaxe e en termos absolutos do voto ao PSOE, malia a estar gobernando nos dous ámbitos. Veremos que acontece.

Canto ao peor que pode pasar é efectivamente que ese voto sexa decisivo. Eu xa o pensara pero contáronme que tamén o comentou xa hai tempo Bieito Rubido no Hai Debate, a modo de pregunta dirixida a Bieito Lobeira: volvería entrar o BNG no goberno se a posibilidade do bipartito depende dun cambio de resultado en función do voto da Diáspora?

Eu teño clara o que pasaría. Pero é de medo.

O voto emigrante disse...

A pregunta de Bieito Rubido fora a Anxo Quintana, no primeiro programa de Hai Debate desta temporada, creo. Quintana non contestou, como tampouco o fixo nalgunha das últimas entrevistas cando lle preguntaron eso.
Eu, sen telo do todo claro, comparto os temores de Calidonia.