27 de jan. de 2009

O suicidio do cidadán


“La emigración resulta así para nosotros un suicidio del ciudadano; puesto que desaparecemos como tales, desde el momento en el que el emigrado no tiene derechos ni en la patria de origen o de ausencia ni en la de adopción o de presencia”. Este parágrafo é a base do folleto Vida política. La colectividad española en la Argentina, editado en Bos Aires en 1913 para divulgar a proposta do xornalista Justo López de Gomara ante o primeiro Congreso de la Confederación Española de Argentina, no que se reclamaron dereitos políticos para os emigrantes no país de orixe, a través da elección dos seus propios representantes do Senado de Madrid. Esa demanda foi despois asumida polas Irmandades da Fala na súa asemblea de Santiago de 1919.

Gomara, director de El Diario Español de Bos Aires, desenvolveu unha intensa campaña durante o primeiro cuarto do século XX para que a voz dos emigrantes se escoitara en España. Que diría hoxe López de Gomara ao ver a perversión da democracia que se practica na emigración? Pois que, polo menos no que respecta a sociedade orixe (España e Galicia), a teoría do suicidio segue vixente, aínda que cun anovado contido. Agora os emigrantes si figuran nos censos, pero son simples números.

Desde a transición os poderes españois e galegos, nas súas sucesivas versión partidarias, nunca consideraron aos emigrantes cidadáns de seu, senón membros dunha sorte de reserva electoral, cuxos dereitos políticos amplíanse, violéntanse ou se intenta reducir ao son da maioría gobernante e dos cambiantes intereses dos partidos. Desde o goberno central UCD, PP e PSOE foron alimentando o monstro, ata crear o sistema de voto exterior más xeneroso do que se teña noticia no mundo.

Agora, por fin a Junta Electoral Central lembrouse a última hora de que hai que garantir a personalidade do elector, froito da queixa dun PP escandalizado porque un partido poda darlle a volta no exterior ao resultado de Galicia, precisamente o que Fraga intentou e non deu feito no 2005. E o PSOE revólvese defendendo que todo siga igual. José Blanco loita por manter un sistema que segundo el declarou moitas veces, por exemplo o 16-VIII-2008, está suxeito a sospeita da “fraude”.

O Blanco que agora está disposto a ir ao Supremo para que todo siga igual é o mesmo que no 2001 dixo viaxar a Venezuela para vixiar o censo e que informou de que nas autonómicas daquel ano polo menos quince persoas votaron por mortos.A única dúbida é se don Justo mantería hoxe o do suicidio ou se falaría máis ben de algo máis masivo e programado…

2 comentários:

cneirac disse...

Pepiño así e todo está pensando máis nas xerais de 2012 que nestas. Falta lles vai facer.

O voto emigrante disse...

Si, concordo co das xerais.
De tódolos xeitos, nestas é evidente, pola parte pública e pola que non trascendeu aínda, que ten un gran empeño nestas eleccións autonómicas.
Non hai que esquecer que a emigración queda un pouco, ou bastante, da súa man, da federal. E logo pode facer valer o seu traballo no exterior. Aínda que hai catro anos de pouco lle valeu na configuración do goberno e demáis.