8 de jan. de 2009

335.357: Lotería ou tómbola?




335.357. Non é o número da lotería. Na lotería hai un procedemento claro e transparente, supervisado e retransmitido en directo. No voto emigrante reina a escuridade. Hai poucos datos. Os do censo son os únicos case completos, xa que o Instituto Nacional de Estadística de España, a través da Oficina del Censo Electoral, os publica por municipios, provincias, países e consulados. Nada que ver cos resultados, pois o Ministerio do Interior só os da por circunscricións. Non coñezo ningún país no que o sufraxio da emigración teña a relevancia cuantitativa e política do noso no que non sexa posible consultar os resultados por países.

Pero hoxe a cuestión é o censo das vindeiras autonómicas no que non houbo ningunha depuración especial, xa que a cifra de 335.357 electores galegos no estranxeiro era a que xa se albiscaba nos datos mensuais que vai publicando a Oficina del Censo Electoral. Faltan os resultados das reclamacións, mais toda apunta a que non vai haber a anunciada e demandada depuración do censo. Era de esperar. Fai máis dun ano o ministro Pérez Rubalcaba gabábase, nun debate co entón senador Jorquera, dunha depuración feita no 2001 polo Goberno de Aznar e que presentaba como propia…

É de manual que o censo é a base dun proceso electoral. Especialmente nun caso como este, no que non está a asegurada a identidade do emigrante que vota desde o estranxeiro, segundo recoñece a Junta Electoral Central. Así que os erros non provocan só efectos estatísticos, como en teoría pasaría no territorio galego, senón auténticos atentados democráticos, como o de que se poda votar en nome dun morto.

O censo exterior segue a ser elevadísimo, cunha proporción de case o 13% do total, ante a que apenas hai exemplos comparables. Aínda así, o medre desta lexislatura é o menor dos últimos vinte anos. En 1985, segundo datos non oficiais, da prensa da época, había 29.298 galegos con dereito ao voto desde o exterior. No 89 aínda había menos de 50.000 e catro anos despois, tras as campañas de Fraga Iribarne desde a Xunta para incentivar a inscrición, apenas se pasaba dos 100.000. Foi entre 1993 e 1997 cando de verdade se disparou o contixente electoral de emigrantes, froito da reforma da lei electoral española de 1995, pola que se estableceu a inscrición de oficio, o que duplicou o número de electores no estranxeiro, nunha parte significativa con persoas xa falecidas segundo se comprbou anos despois.

No 2001 e no 2005 déronse medres similares, de 36.000 electores, fronte aos 30.000 destes catro anos. Anunciábase un crecemento brutal, que non se produciu. Pero ese non é o problema. Nin tampouco que o Ministerio de Asuntos Exteriores xogue ao despiste con predicións abraiantes, logo de que se negara o debate democrático cando de verdade importaba, cando se cambiou a lei en 1995. O grave é que a tómbola do San Froilán é moito máis fiable que o procedemento co que se vota no nome de 335.357 electores galegos.

Nenhum comentário: