6 de jan. de 2009

O 15% de Feijoo

Consumado especialista da política dos pesos e medidas orfa de sentimentos, a dicir dos escasos críticos do PP galego actual, en Alberto Núñez Feijoo sorprende o erro continuado, reiterado e permanente sobre o peso da emigración no censo electoral galego. Será que el pensa que realmente representa o 15% do censo electoral galego? Pode ser que fixera tan mal a conta que non sumara os emigrantes aos residentes na Galicia territorial? Porque os 300.000 e pico de emigrantes galegos son o case 13% dos máis de 2,6 millóns de galegos con dereito ao voto. Só serían o 15% se os excluímos e non os sumamos os 2,3 do interior. Non creo que sexa que Feijoo queira excluír agora os galegos do exterior, unha vez que xa non son a rede seguridade para as maiorías absolutas ao PP.

Ao mellor é simplemente que Feijoo quere que parezan máis dos que son, como se non lle chegara o que realmente supoñen no censo, unha porcentaxe sen igual no Estado español e con precedentes máis ben escasos no estranxeiro. Ao Feijoo non lle amolaba o voto exterior cando pensaba que Fraga ía obter maioría absoluta grazas a el. Despois se cadra si lle molestaba un pouco máis, pero non tanto como cando o PP non gañou as xerais do 2008 e el botou as contas (se supón que un chisco máis rigurosas) sobre os efectos do voto exterior sobre o extrapolado reparto de escanos en Galicia.

En conclusión, que está moi ben que Feijoo descubrira por fin o lado escuro do voto emigrante, aínda que sexa cunha calculadora averiada.

Nenhum comentário: