11 de jan. de 2009

Peridis, 20 de abril de 1977




O problema da participación dos emigrantes no sistema político español é moito máis vello do que se pensa. Van máis de cen anos das primeiras discusións na prensa de Madrid sobre se os españois de Arxentina podían intervir na política doméstica.

Das polémicas da transición, esta viñeta de Peridis, publicada en El País o 20 de abril de 1977, dá un bo testemuño. Acompañaba unha información titulada "La emigración, marginada de las elecciones".

Ante o referendo da Lei da Reforma Política de 1976, o Goberno de Adolfo Suárez permitira participar aos emigrantes, pois pensaba que ían apoiar o seu proxecto reformista e necesitaba a menor abstención posible nun censo que non distinguía entre residentes de dentro e de fóra.

Pero ante as primeiras eleccións de despois de Franco, as do 77, Suárez calculaba, acertadamente, que a emigración ía apoiar a esquerda. Así que lle puxo grandes atrancos, como denuncia Peridis no seu debuxo. “Confidencialmente, es que hay mucho rojo emigrado”, confesa o boneco de Adolfo Suárez.

Velaí o cerne da cuestión.

Desde 1976, tras moitas peticións para votar desde o estranxeiro, a emigración converteuse nunha reserva electoral regulada polo goberno, que abriu, pechou e manipulou ao seu antollo.

A Suárez só lle interesaba ter o voto exterior no referendo do 76 e promoveuno. Despois, atrancouno para as eleccións.

Logo Felipe González, que gañaba no exterior, empezou a dar máis facilidades, especialmente desde que a partir de 1993 viu o poder en perigo en España.

Finalmente, no tempo de Aznar, que contaba cos avances logrados por Fraga desde Galicia no eido da emigración, completouse a gran desfeita, ao aplicarse a inscrición de oficio , e mentres xa era o PP o que gañaba.

Zapatero, que prometera limpar o sistema, deixou todo como estaba, porque agora vence o PSOE de novo.

E nesas estamos, camiño dunha desfeita aínda maior. Que despois do escándalo das autonómicas do 2005 se volvan celebrar unhas eleccións galegas no exterior sen controis democráticos.

Co agravante de que como a participación en Galicia pode baixar, o peso do exterior sería aínda maior. Menos mal que todo indica que non será decisivo.

Um comentário:

Carlos Callón disse...

Parabéns polas reflexións deste blog, ao que me subscribo para seguilo puntualmente.

Unha aperta!