5 de jan. de 2009

Os titulares do 26 de xuño de 2005

Los partidos abogan por reformar la ley para dar más garantías al voto emigrante”. O domingo 26 de xuño de 2005, na última xornada da semana de paixón do voto emigrante, na prensa galega podían lerse títulos coma ese, máis ou menos destacados, nalgúns casos na primeira páxina. Era a promesa de que o que estaba a suceder nunca volvería pasar. As forzas políticas galegas non ían someter de novo aos galegos, de dentro e de fóra, a esa loita de irmáns sen xeito nin sentido. Era unha nova trécola, malia como a prensa galega a difundía, de seguro houbo moitos cidadáns de boa fe que a quixeron crer.

E hoxe, o día no que se asinou o decreto de convocatoria das eleccións do 2009, as seguintes á gran desfeita do 2005, só é posible berrar que a clase política galega é culpable, con distintos grados, dunha desfeita aínda maior. Máis de 330.000 galegos están chamados as urnas sen ningunha garantía. Deixouno claro a Junta Electoral Central española o 20 de abril de 1998:

A los Servicios de Correos de los países extranjeros en los que se depositan los votos no les es exigible por la Administración electoral ni por la postal españolas el deber de comprobar la identidad del remitente de los sufragios.


O propio Zapatero recoñeceu na súa última sesión de investidura que o voto dos emigrantes se efectúa con serias deficiencias. Permitiría que toda a Comunidade de Madrid emitirá os seus votos baixo un procedemento con “serias deficiencias”? Pois o peso de Madrid no censo electoral español é semellante ao da emigración no censo electoral galego, de case o 13%. No 2001 Touriño dixo que a regularización do voto emigrante era un problema de “dignidade nacional”. Pepe Blanco denunciaba na oposición que permitía un pucheirazo do Goberno, do PP, claro. Fraga, no poder, aseguraba que os emigrantes votaban nas mesmas condicións que os galegos en Galicia, o que debe querer dicir que aquí votan os mortos…

O PSOE incumpriu as súas promesas de acabar coa negra noite do fraude electoral na emigración. O PP só esixiu o voto en urna cando perdeu as xerais do 2008 e viu que os mecanismos de manipulación ficaban en mans do PSOE. E o BNG non foi quen de forzar ao PSOE a cumprir as súas promesas, mentres caía nas trécolas de Blanco para abrir o inacabable debate de quen debe votar, reforma da Constitución Española incluída.

Só cabe esperar que esta vez o voto da emigración sexa irrelevante no resultado. É o mellor que lles pode pasar aos emigrantes e ao sistema político galego.

Nenhum comentário: