18 de jan. de 2009

O que Ibarretxe non calculou


Na súa loita pola supervivencia, Ibarretxe decidiu acumular as eleccións vascas e galegas. Busca anular o posible efecto positivo para o PSOE que suporía manter o poder en Galicia antes das vascas, forzar aos socialistas a dividir os seus medios nunha fronte dobre e poñer ao PSOE ante as contradicións dos seus discursos cando nun sitio van ás eleccións aliados co nacionalismo e noutro en competencia con el, aínda que o resultado final poida ser unha coalición PNV-PSE.

A política vasca ten un sinal de gran potencia, grazas en boa medida á obsesión da prensa de Madrid. Deste xeito, será o proceso electoral de Euskadi o que contamine o de Galicia. Pero si pode haber algún efecto no sentido inverso, especialmente na emigración, xa que os esforzos de PP e, sobre todo, PSOE por captar votos de galegos do estranxeiro, a través das súas estruturas en Arxentina e Venezuela, poden producir a sinerxia de recoller de paso sufraxios vascos, o que iría en detrimento do PNV.

Os mundos da diáspora galega e vasca non teñen nada que ver. Galicia non se pode comparar con ninguén no Estado, agás con Asturias e a provincia de Tenerife, aínda que salvando moitas distancias. E concretamente Euskadi ten 43.660 electores do estranxeiro, o 2,4% do censo, fronte aos 335.357 e o 12,7% de Galicia.
A distribución por países tamén é ben distinta, porque a diáspora vasca está moito máis espallada cá galega. E unha parte deses electores “emigrantes” corresponden en realidade a Euskadi norte, en Francia, o estado que acolle a maior colonia vasca. As únicas coincidencias na distribución xeográfica danse no importante peso de Arxentina, o primeiro país en electores para Galicia e o segundo para Euskadi, e en Venezuela, segundo en Galicia e terceiro en Euskadi. Está por ver que o PSOE decidise colleitar votos vascos en Arxentina e Venezuela de paso que capta os galegos, mais é unha posibilidade. Non hai que esquecer que a pesar do escaso peso da emigración en Euskadi, nas últimas xerais houbo un escano de Bizkaia pendente do reconto do exterior.

Sobre os resultados, cómpre partir do suposto de que o escaso volume de sufraxios da diáspora vasca (10.000 votos nas últimas autonómicas fronte aos 105.000 de Galicia) limita o interese dos partidos e os intermediarios, o que reduce as irregularidades. As autonómicas vascas parecen en teoría unhas eleccións más limpas, nas que o PNV ten unha moi forte posición, relacionada coa súa condición de ata agora forza sempre gobernante en Euskadi, cunha boa implantación no exterior ou por ambos motivos.
Nas últimas catro autonómicas o PNV, en coalición con EA ou en solitario, gañou sempre no exterior. Nas xerais, o PSOE impúxose en 1996 e 2008, é dicir cando gobernaba en Madrid, mentres que no 2000 e 2004, con Aznar na Moncloa, o PP foi a segunda forza, detrás do PNV.

As tendencias indican que se debe esperar unha vitoria do PNV no exterior, aínda que con moita menor marxe sobre o PSOE que no 2005. A non ser que os socialistas, axudados pola coincidencia coas galegas, lle teñan preparada unha sorpresa a Ibarretxe.

Nenhum comentário: