20 de jan. de 2009

Cando o carteiro non chega


Flora Coso (¿Couso?) tiña onte unha pregunta para a socialista Marisol Soneira, de novo de campaña no Río da Prata. Segundo o xornal Clarín, Coso (¿Couso?), de 63 anos, interrompeu o speech de Soneira no centro de Bos Aires para preguntarlle: "¿Y por qué en las últimas elecciones no llegaron todas las cartas?".

Semella que o carteiro non chegou á casa de Flora Coso (¿Couso?). É algo que pasa con frecuencia nas eleccións galegas en Bos Aires e que sementa unha dúbida fundamental: Votaría alguén con esa documentación que non chegou ao destino? Votou Flora Coso (¿Couso?) sen sabelo? Pois esa é unha dúbida transcendental, pois segundo o artigo 68 da Constitución Española o sufraxio é libre, directo e secreto.

Desde logo o desacougo deses emigrantes aos que non visitou o carteiro non baixa, senón que debe medrar, despois de coñecer o que retrucou Soneira: "Las cartas sí salieron de España. Lo que pasó en las elecciones del año pasado puede haber sido un fallo de algún correo determinado, pero ahí España poco puede hacer".

Ao Correo Argentino encoméndalle o Estado español a xestión de 257.168 votos nas lexislativas e 121.207 nas autonómicas galegas. E non hai nada que facer para que garanta que os sufraxios sexan recibidos e enviados polos verdadeiros electores. Non é que o diga Soneira. Xa o proclamou a Junta Electoral Central de España.

Nas últimas xerais, Correo Argentino facilitou datos diarios da xestión dos envíos electorais. Segundo o derradeiro parte, había 32.871 cartas que non foron entregadas, das que 14.273 estaban en proceso de devolución a España e 18.598 atopábanse nas oficinas. Entre elas estaban as que ían dirixidas a 2.119 mortos. Pero o problema non reside tanto nestas cartas non entregadas, senón nas 224.297 que supostamente chegaron aos seus destinatarios.

Segundo datos de Correos de España, finalmente as xuntas electorais recibiron os votos do 49,7% dos españois con dereito a voto desde Arxentina. É unha proporción brutal, que contrasta coa dos outros principais países de acollida da diáspora española, como Francia (38,4%), Suíza (38,4%) e Venezuela (31,2%). Só na veciña Uruguai, o segundo escenario dos esforzos dos partidos, houbo unha taxa maior, do 50%.

A administración electoral española é un "bo cliente" para Correo Argentino, segundo recoñeceu o seu presidente. A cuestión é se hai máis clientes, intermediarios, partidos ou, directamente, mafias que colleron ese voto que non recibiu Flora Coso (¿Couso?).

Nenhum comentário: