8 de jan. de 2009

Cando Quintana si viaxou

Anxo Quintana acaba de confirmar que non viaxará a Arxentina na campaña electoral. Era unha medida da que xa se falara no 2007, cando o BNG fixo pública a súa proposta para restrinxir o voto emigrante e deixalo unicamente para as eleccións xerais, non para as galegas, mentres se pedía que mentres tanto os emigrantes contasen no reparto de escanos en España, o que podía beneficiar aos nacionalistas galegas. Ao marxe da necesidade de reformular o sufraxio do exterior e tamén das contradicións da proposta, esa aposta do Bloque constituíu un erro táctico, xa que dese xeito lle fixo o xogo a José Blanco que, coa súa célebre referencia aos seus curmáns de Uruguai que non coñecen Galicia, buscar gañar tempo e ensarillarse aínda máis cunha reforma da intocable Constitución Española.

Agora Quintana non viaxa o que é coherente coa posición do BNG. Foino moito menos a finais do 2006 cando fixo a súa única viaxe ao Río da Prata como vicepresidente da Xunta de Galicia, na que inaugurou as novas oficinas do Bloque en Montevideo e Bos Aires, en clara contradición coas críticas que sempre fixo o Bloque a Fraga e Touriño por mesturar as actividades partidistas en desprazamentos institucionais, pagados por tódolos galegos. Quintana invitou a pinchos, polbo incluído (un artigo de luxo en Arxentina), na Federación de Sociedades Galegas e falou no Teatro Castelao, do Centro Galego. Nese discurso e nas intervencións deses días houbo un gran ausente, o voto emigrante e a súa urxente regulación. Pasara pouco máis dun ano das eleccións galegas, non se dera ningún paso para reformar a lei e ao líder do Bloque non parecía importarlle o que agora, con razón, denuncia como un gran escándalo democrático.

Naqueles primeiros tempos da lexislatura do bipartito perdeuse a ocasión de afrontar a reforma da lei electoral que impediría que estas eleccións se vaian celebrar na emigración nas desastrosas condicións de sempre. Non é xusto intentar sinalar ao Bloque, como se fai desde círculos filosocialistas, como un dos principais responsables do retraso da reforma, que durante o ano pasado promoveu activamente Francisco Jorquera nas Cortes españolas. Pero tamén é inxusto seguir a tratar neste asunto ao BNG como se fose un partido de oposición, sen capacidade de influencia real. A ten pero non puido ou non quixo usala para forzar ao PSOE a cumprir o que pon o pacto de goberno na Xunta. O Bloque continua a ser o único partido político galego que nunca se viu implicado nun escándalo na emigración, na que apenas obtén o 3%, pero estragou a opción de gañar un gran capital político en Galicia se facía o que tiña que facer. Sen embargo, como se viu naquela viaxe do 2006 a Bos Aires, non era un asunto central na axenda de Quintana.

Nenhum comentário: